Sunday 19 de May de 2024

Un total de 64.200 alumnos de 630 centros estudarán o vindeiro curso cun libro electrónico no marco do programa E-Dixgal da Xunta de Galicia


— O Portal Educativo publica a incorporación de 34 centros a este programa

— Facilítanse ultraportátiles e acceso a contidos e materiais totalmente de balde a estudantes entre 5º de Primaria e 4º de ESO

— Esta acción enmárcase na Estratexia de Educación Dixital 2030, orientada a fomentar as competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital

Un total de 64.200 alumnos de 630 centros educativos estudarán con libro electrónico gratuíto o vindeiro curso 2023-24, tras a incorporación de 34 novos centros ao programa E-Dixgal da Xunta de Galicia.

Tal e como publica o Portal Educativo, destes 34 novos centros (12 da provincia da Coruña, catro de Lugo, catro de Ourense e 14 de Pontevedra), 24 incorporan o programa na etapa de Primaria, nove en ESO e un en Primaria e ESO á vez. Ademais, dous centros que xa contaban co programa en Primaria incorpórano para o curso que vén en 1º de ESO.

Por provincias, 225 deles están na da Coruña, 102 na de Lugo, 58 na de Ourense e 245 na de Pontevedra.

Contidos e materiais
A través do E-Dixgal, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon a disposición de centros e alumnos ultraportátiles con acceso a libro e materiais dixitais cos que desenvolver o seu proxecto curricular.

Así pois, os colexios e institutos adheridos desenvolven a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe que lles vai permitir acceder a contidos dixitais totalmente de balde para as familias.

Para ilo, as aulas contan cun kit de aula dixital composto por pizarra dixital interactiva, proxector e equipo no posto do profesor e conexión á rede de datos do centro. Ademais, cada alumno conta cun ordenador ultraportátil en réxime de préstamo para o seu uso.

Os participantes no proxecto poden acceder a unha plataforma de Entorno Virtual de Aprendizaxe na que están dispoñibles tanto contidos editoriais diversos para as diferentes etapas como o repositorio de contidos do espazo Abalar que actualmente supera os 1674 recursos. A Xunta continúa traballando na ampliación deste material.

De igual xeito, os centros teñen á súa disposición o repositorio de contidos educativos dixitais do espazo Abalar, con máis de 2.500 recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas.

A maiores, o profesorado pode crear, seleccionar ou engadir ao entorno os seus propios materiais. Con estes recursos, os docentes poden elaborar a súa propia mochila dixital seleccionando a través da plataforma os contidos formativos e incorporando os complementarios que desexen, así como outros de elaboración propia.

Transformación dixital
O programa E-Dixgal arrancou no curso 2014-15 como un proxecto experimental para alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. No 2021-22 ampliouse á toda a etapa de Secundaria coa incorporación de 3º e 4 curso, o que permite que o alumnado poida estudar con este sistema durante seis cursos consecutivos.

Esta acción forma parte dos obxectivos prioritarios da Estratexia de Educación Dixital 2030, orientados a fomentar o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital.

Provincia da Coruña (centros de nova incorporación):

CEE María Mariño A Coruña
IES Ramón Otero Pedrayo A Coruña
CEIP O Marbán As Somozas
CEIP de Escarabote Boiro
CEIP Praia Xardín Boiro
CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro Cerceda
CEIP Plurilingüe Virxe do Mar Narón
CEIP As Forcadas Ponteceso
CEIP de Portosín Porto do Son
CEIP Plurilingüe de Frións Ribeira
CEIP Pedro Barrié de la Maza Sada
IES Eduardo Pondal Santiago de Compostela

 

Provincia de Lugo (centros de nova incorporación):

CEIP Albeiros Lugo
CPR Plurilingüe Divino Maestro Lugo
CEIP Ricardo Gasset O Incio
IES Santiago Basanta Silva Vilalba

 

Provincia de Ourense (centros de nova incorporación):

CEIP Augusto Assía A Mezquita
CEIP de Medeiros Monterrei
CPR Cardenal Cisneros Ourense
CPR Plurilingüe Divino Maestro Ourense

 

Provincia de Pontevedra (centros de nova incorporación):

CEIP Plurilingüe As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo A Guarda
IES Johan Carballeira Bueu
CEIP Pío Cabanillas Gallas Dozón
IES Chano Piñeiro Forcarei
CEIP Plurilingüe Vicente Arias de la Maza Lalín
CEIP Plurilingüe Pena de Francia Mos
CEIP Daría González García Pontevedra
IES A Xunqueira I Pontevedra
CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro Redondela
CEIP Magaláns-Dorrón Sanxenxo
CPR Plurilingüe Niño Jesús de Praga Vigo
CEIP A Lomba Vilagarcía de Arousa
CPR Plurilingüe Sagrada Familia Vilagarcía de Arousa
CEIP Plurilingüe de San Bartolomé Vilanova de Arousa

 

Centros que amplían á etapa de Secundaria:

CPI Plurilingüe Cabo da Area Laxe (A Coruña)
CPI de Viaño Pequeno Trazo (A Coruña)